ACTIVIDADESNOTICIAS

A Cátedra Telefónica analiza como será a industria galega do futuro: conectada, intelixente, flexible e centrada nas persoas

Debateron sobre o impacto do 5G, o IoT ou o Edge Computing nos modelos produtivos

  • José Cidrás, director da Cátedra Telefónica, cos representantes de Telefónica

Tecnoloxías como 5G, intelixencia artificial, internet da cousas ou big data están a supoñer unha revolución para o tecido industrial en todo o mundo e perfilan un futuro no que a conectividade intelixente será clave para afrontar os retos industriais e construír un novo modelo produtivo máis competitivo, sostible e centrado nas persoas. Para analizar o impacto que estas infraestruturas dixitais teñen e terán no sector industrial galego, a Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo reuniu este venres na Escola de Enxeñería Industria a representes do eido universitario e empresarial na Jornada Ágora: Conectividad inteligente para la industria del mañana. Ao longo da mañá mesas redondas, conferencias e demostracións permitiron ao público asistente, principalmente estudantes, coñecer como a conectividade intelixente e as infraestruturas dixitais están a transformar o presente e o futuro do tecido industrial de Galicia. 

No acto de apertura da xornada participaron David Álvarez, vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Vigo; José Fariña, director da Escola de Enxeñaría Industrial e Manuel Ángel Alonso, director Territorio Norte de Telefónica España. Os tres fixeron fincapé no contexto actual de profunda transformación tecnolóxica, no que a conectividade se consolida como o motor esencial sobre o que se constrúe a industria do futuro, redefinindo modelos produtivos e impulsando contornas máis eficientes, flexibles e sostibles, onde os datos e a intelixencia convértense no principal activo competitivo.

Pontes que conectan o universidade e industria

O vicerreitor destacou que o tema que se aborda nesta ágora “xa non é un tema de futuro, senón de presente. Estas tecnoloxías están cambiando a maneira de deseñar, de fabricar e de tomar as decisións. Nunha fábrica hiperconectada, os datos non deixan de ser unha materia prima máis, e hai que saber interpretalos, protexelos e sacarlle o máximo partido, porque son unha vantaxe competitiva decisiva e imprescindible”. Recalcou que dende a Vicerreitoría de Infraestruturas o teñen moi claro, “a conectividade é hoxe tan básica como o foron no pasado a electricidade ou a auga corrente; sen boas redes non haberá automatización, nin xemelgos dixitais, nin xestión eficiente da enerxía e, sen esa eficiencia, tampouco haberá un industria verdadeiramente sostible”. Con todo, Álvarez tamén quixo poñer o foco no factor humano e lembrou que “a tecnoloxía por si soa non transforma nada, fano as persoas que saben empregala, cuestionala e mellorala, por iso o papel a Universidade é máis importante ca nunca: formar talento, xerar coñecemento e transferilo ás empresas”. 

Pola súa banda, Manuel Ángel Alonso, director Territorio Norte de Telefónica España, puxo en valor que xornadas coma esta “unen tres ámbitos que necesariamente teñen que camiñar xuntos: universidade, tecnoloxía e industria”, especialmente nun momento como o actual, “no que estamos a vivir unha transformación tecnolóxica extraordinaria”. Fálase constantemente, engadía, “de intelixencia artificial, 5G, xemelgos dixitais, vehículos autónomos, robótica, etc. e todos comparten unha mesma base: a conectividade e os datos, que cada vez son máis importantes para a industria”. Neste contexto, para Alonso o reto agora é “conectar a investigación coa empresa;  o talento emerxente cos novos empregos; a tecnoloxía cos problemas reais da nosa industria, e ese é precisamente o espírito de xornadas coma esta”.

Finalmente, no acto de apertura participou tamén o director da EE Industrial, que  tamén fixo fincapé na relación entre universidade e empresa, “algo que está no ADN desta escola”. José Fariña lembrou que as infraestruturas dixitais e a conectividade forman parte da formación que se imparte na escola e, polo tanto, este é un evento “de especial interese para o alumnado”.

Aplicacións reais na industria

Desde a automatización avanzada ata a fábrica hiperconectada, a conectividade habilita novas oportunidades que transforman non só os procesos, senón tamén o talento, a innovación e a competitividade. Sobre esta transformación xirou o programa da xornadas, que arrancou, tras o acto de inauguración, cunha mesa redonda centrada na conectividade intelixente para a industria do mañá, moderada polo director executivo de Optare Solutions e presidente do Grupo Marsan, Luis Álvarez-Sestelo. Nela, participaron os catedráticos da Universidade de Vigo Carlos Prado, do Departamento de Organización de Empresas; Felipe Gil, do Departamento de Enxeñaría Telemática; o responsable de proxectos de Innovación en Procesos de Stellantis Vigo, Juan José Areal; e a responsable de IA do Territorio Norte de Telefónica, Alba Meijide.

O programa completouse coa conferencia sobre xemelgos dixitais, IA física e robotización do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), na que sete expertos da organización explicaron as principais liñas de actuación e de investigación do centro tecnolóxico sobre a materia. Así, o director da División de Fabricación e Transformación Dixital, Víctor Alonso, falou sobre innovación para a automoción do futuro e do proxecto Catalyst, iniciativa europea liderada polo CTAG para a integración de robótica avanzada; o responsable da área Smart Mobility, Javier Vázquez Jorge, presentou o piloto de condución autónoma con lanzadeira, cento por cento eléctrico, que opera na UVigo dende o curso pasado; e Iria Galiñanes, responsable de manufacturación intelixente, centrou a súa intervención no papel do xemelgo dixital para a incorporación das intelixencias artificiais na industria; e o responsable de Innovación e Impacto en Fabricación, Ángel Dacal, centrouse no impacto da robótica humanoide na industria.

A xornada rematou con demostracións tecnolóxicas de condución autónoma e interacción cun robot humanoide, da man do director de Negocio e Operacións en Brain4Mobility, Diego Bernárdez, e do responsable da área Humanoides e IA do CTAG, unha das contornas industriais máis avanzadas de España, Andrés Paradela, respectivamente.

125 anos da EE Industrial e 25 anos da Rede de Cátedras Telefónica

Este encontro coincide no tempo coa celebración do 125 aniversario da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, referente na formación de enxeñeiros e na transferencia de coñecemento cara ao tecido produtivo; así como os 50 anos dos estudos superiores nesta escola. Á lista da efemérides súmanse o 25 aniversario a Rede de Cátedras Telefónica, que impulsa a colaboración entre universidade e empresa para acelerar a adopción de tecnoloxías disruptivas e o desenvolvemento do talento dixital.

Fuente original DUVI: https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/catedra-telefonica-analiza-sera-industria-galega-futuro-conectada-intelixente-flexible-centrada

CATEDRAIETELEFONICA

La cátedra Telefónica para la innovación energética constituye un programa de colaboración entre la empresa Telefónica y la Universidad de Vigo. La cátedra Telefónica para la innovación energética desarrolla sus actividades en la promoción, desarrollo, difusión y propuestas que atiendan a las temáticas relacionadas con la energía: mejora de la eficiencia energética, nuevos sistemas de gestión energética, las tecnologías de la información y la comunicación en la gestión energética, análisis de la calidad energética y ambiental, la sociedad sostenible y la energía. Director de la cátedra:  José Cidrás Pidre (Universidad de Vigo)